A exposición "Aquela nena de Sarria", no Auditorio de Vilalba
Vense de inaugurar en Vilalba a exposición AQUELA NENA DE SARRIA, homenaxe a Xela Arias promovida polo Colectivo Egeria co apoio da Xunta de Galicia, con motivo de térselle dedicado este ano o Día das Letras Galegas.
A exposición en Vilalba, que conta coa colaboración do Instituto de Estudos Chairegos e do Concello vilalbés, está situada no Auditorio Carmen Estévez Eguiagaray, no mesmo local onde se exhibe a mostra de fotos antigas vilalbesas TAL COMO ERAMOS, que anualmente organiza o Instituto de Estudos Chairegos.
Na inauguración interviñeron a Alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro; a Xefa territorial de Cultura da Xunta de Galicia, María José Gómez; a Presidenta do Instituto de Estudos Chairegos, Marisa Barreiro, e o Presidente do colectivo Egeria, Xulio Xiz.
A mostra, que coincide coa celebración das tradicionais festas de San Ramón e Santa María, poderá ser visitada ata mediados do mes de setembro.
Exposición “Aquela nena de Sarria”
Aínda que pola necesaria asistencia sanitaria naceu no lucense Sanatorio Pimentel, no rexistro consta como nacida en Sarria, pois seus pais eran sarriáns, e vivían na Granxa Escola fundada en Barreiros polo financeiro Antonio Fernández Lopez, da que o pai da nena, Valentín Arias, era director. Xela, ata 1965, viviu en Barreiros, e en Lugo de 1965 a 1969, acudindo a estudar ao Colexio Fingoi, tamén iniciativa do “Fillo de Antón de Marcos”, Antonio Fernández, creador deste especial Colexio do que puxo á fronte a Ricardo Carballo Calero, que o gobernou desde a súa creación en 1950 ata 1965.
A exposición, composta por doce paneis, reflicte o tempo sarrián e lucense de Xela Arias, a súa querenza por Sarria e o rural, o seu vencello co noso idioma, e o empeño en que se recoñecese XELA como o seu nome real. Complétase a mostra con poemas dirixidos a Xela por alumnos/alumnas dos Institutos sarriáns Xograr Afonso e Gregorio Fernández, por poetas de Sarria, e de compañeiras poetas galegas que seguen os camiños que Xela trazou, e ata un conxunto de “Vilariñas”, especiais micropoemas con imaxes cos que un grupo de membros da Nova Poesía Guitírica honra a Xela no seu Ano.
Complétase a mostra cunha serie de fotografías facilitadas pola familia de Xela, e unha serie de debuxos da pintora lucense Sabela Arias, que conforman un especial complemento ás fotografías que foron o punto de partida da autora para este traballo. A mostra ten carácter itinerante, visitando en primeiro lugar os centros educativos de Sarria, e logo os dos concellos limítrofes, para despois da Festa das Letras iniciar percorrido polo resto de Lugo e Galicia.