Aquela nena de Sarria

Non foi unha sorpresa que a Real Academia Galega elixise a Xela Arias como persoeiro ao que se ía dedicar o Día das Letras Galegas do ano 2021. Era como a crónica dunha vitoria anunciada, porque a rebelde Xela, a que fixo poesía forte da rebeldía, estaba agardando o momento no que a súa poesía fose xeralmente coñecida e recoñecida, como ata agora estaba recoñecida polos especialistas e estudosos na materia.

E nas terras lucenses houbo xeral satisfacción porque unha sarriá, que nos deixou moi cedo, poeta rompedora, concienzuda tradutora, militante de todas as causas nas que cría, sexa elevada a esa especial dignidade que adquiren os galegos e as galegas (estas, aínda en franca minoría) que merecen pasar á historia deste país.

E os do Colectivo Egeria, que promovemos este proxecto, estamos seguros de que esta Xela que nos contempla desde o ceo dos galegos gozará tanto coa realidade de que unha muller máis figure na relación gloriosa dos chamados á perennidade, como que esa muller sexa ela.

Ramón Nicolás, que cualifica a Xela de “voz sólida, independente e transgresora, espallada nunha produción creadora, viva e intensa, innovadora e descarnada”, estima que dedicarlle o Día das Letras deste ano “debe entenderse como un reencontro con esa espiral continua, sinuosa, delicada e interminable que é a sua obra obra; unha oportunidade para reclamar a vixencia e modernidade do seu discurso literario”.

No que vai de século XXI, sete lucenses de nacemento foron elixidos para ser honrados co Día das Letras (Lorenzo Varela, Ramón Piñeiro, Uxío Novoneyra, Lois Pereiro, Díaz Castro, Manuel María e Xela Arias), e outros cinco (María Mariño, Filgueira Valverde, María Victoria Moreno, Antonio Fraguas e Ricardo Carballo Calero) con pegada lucense e nos lucenses.

Na honra de Galicia aos seus máis grandes, Xela sucede a Carballo Calero, ao que lle correspondeu o primeiro ano da Pandemia do COVID-19. Lois Arias, irmán de Xela, rexistrou o paralelismo entre os dous loitadores afirmando: “Carballo e Xela son dúas persoas moi de pandemia. Se hai que loitar contra o virus, pois lóitase e punto!”.

Neste traballo, con igual título que o libro e a exposición itinerante na honra de Xela, pretendemos pescudar sobre AQUELA NENA DE SARRIA, na que este ano Galicia enteira ten postos os seus ollos.

Colectivo Egeria